Volver a la Página Principal

Mayobre Rodríguez, Purificación. Luce Irigaray. Baía Edicións. A Coruña - España, 2004. 110 pp.

En el presente texto se da a conocer el índice y un fragmento de 30 págs. del libro titulado Luce Irigaray, publicado en la colección Baía Pensamento de la Editorial Baía Edicións, A Coruña - España, 2004. Autora: Purificación Mayobre Rodríguez. Idioma: Gallego.[ comercial@baiaedicions.com ]

 INDICE

1. Contexto histórico, vital e profesional.
     1.1. A pensadora no seu tempo.
     1.2. Biobibliografía.
     1.3. Para leer a Luce irigaray.
2. Crítica dunha cultura monosexuada.
    2.1. Speculum.
       2.1.1. Acerca do título.
       2.1.2. Acerca do subtítulo.
       2.1.3. Espello, speculum, Especula(riza)r.
    2.2. Crítica á filosofía.
       2.2.1. Espéculo.
       2.2.2. A hístera de Platón.
       2.2.3. A mística.
3. A diferencia sexual.
    3.1. A cultura da percepción.
    3.2. O outro: muller
    3.3. A lingua non é neutra.
    3.4. Dereitos sexuados.
    3.5. Educación.
    3.6. Xenealoxías femeninas.
    3.7. O Amor.
    3.8. Entre Oriente e Occidente.
4. Escolma de textos.
5. Glosario.
6. Bibliografía.
7. Notas.

"Non se trata de cambiar tal ou cual cousa nun horizonte xa definido como cultura humana, senón de cambiar o propio horizonte. Trátase de comprender que a nosa interpretación da identidade humana é incorrecta na teoría e na praxe".

Luce Irigaray, Amo a ti, p. 36.

1.2. Biobibliografía

     Non se coñecen moitos datos persoais de Luce Irigaray, xa que a autora pensa que a mellor maneira de desacreditar a unha muller pensadora é reducila a súa biografía, polo que en xeral mantén unha posición antiautobiográfica co fin de que os seus traballos sexan xulgados por si mesmos e non polos feitos máis ou menos relevantes da súa vida persoal. En calquera caso, coñecemos algúns feitos particularmente significativos procedentes -na maioría dos casos- das revelacións que fixo a autora nalgunha entrevista ou nalgúns dos seus libros.

     Naceu en Blaton (Bélxica) en 1932 e é filósofa, lingüista, psicóloga e psicoanalista. Foi docente na Hig School Secundaria de Bruxelas desde 1956 a 1959 e desde 1962 a 1964 traballou para a Fundación Nacional de Investigación Científica de Bélxica. Posteriormente trasladouse a París, participando nos seminarios psicoanalíticos de Lacan, ao tempo que se involucraba no Movemento de Liberación deMulleres (MLF). Forma parte do grupo "Psy-et-Po" (Psychanalyse et Politique), liderado por Antoinette Fouqué, que posteriormente cambiou o nome por "Politique et Psychanalyse", e que representaba a á esquerda ou "revolucionaria" do movemento de mulleres.

     Influenciada pola teoría feminista comenza un traballo de investigación consistente en repensar as categorías fundamentais da psicoanálise e da filosofía a partir de temas como a sexualidade femenina, o inconscinte, o corpo da muller, o vínculo da muller coa nai, que culminou coa publicación da súa tese de doutoramento Speculum en 1974, que provocou a súa ruptura con Lacan e a súa expulsión da Escola de Vincennes, do departemento de psicoanálise de Vincennes, contiguo á Universidade de París VIII.

     Cando foi expulsada da escola lacaniana recorreu á gran líder do feminismo francés, Simone de Beauvoir, esperando recibir o seu apoio, sen embargo "Simone de Beauvoir non respondeu endexamais. A súa actitude entristeceume; buscaba nela unha lectora atenta e intelixente, unha irmá que me apoiara nas dificultades universitarias e institucionais que precisamente me causou aquel libro. Mais ¡ai! a miña esperanza veuse frustrada. O único xesto de Simone de Beauvoir consistiu en pedirme datos sobre Le Langage des Déments cando ela se dedicaba a escribir sobre a vellez. Non se cruzou entre nós unha soa palabra que tivera que ver coa liberación das mulleres"[1].

     Na década dos setenta-oitenta estivo moi implicada no movemento de mulleres, dando conferencias e seminarios por toda Europa, sendo publicadas varias delas. Por exemplo, en 1984, publícase Éthique de la Différence Sexuelle, que é unha compilación das conferencias que pronunciou na Universidade Erasmus de Rotterdam durante o segundo semestre de 1982 e, en 1987, Sexes et Parentés, que é outra escolma de conferencias.

     Nos anos oitenta incrementa os seus vínculos co movemento feminista italiano, principalmente con Diótima, comunidade filosófica de mulleres da universidade de Verona e, en particular coa persoa máis carismática de dita comunidade, Luisa Muraro, á que entrevista no artículo titulado "Más mujeres que hombres", publicado no seu libro Yo, tú, nosotras[2]. Tamén mantén unha estreita relación co movemento comunista italiano como queda ben patente no prólogo de Amo a ti, no que narra o positivo que resultou a súa colaboración nunha política mixta para a elección de Renzo Imbeni, alcalde comunista de Bolonia, ao Parlamento Europeo.

     A colaboración práctica e política máis comprometida e máis recente está recopilada no texto, La democrazia comincia a due (1994), no que se recolle a súa aportación como conselleira na Comisión para a Igualdade de Oportunidades para a rexión italiana Emilia-Romagna, rexión que a invitou para que educara a súa cidadanía nos seus ideais políticos. Así mesmo é coautora con Renzo Imbeni dun Informe sobre la Ciudadanía de la Unión, informe basado no recoñecemento da diferencia sexual como fundamento privilexiado para a construcción de novas formas de convivencia humana respetuosas de todas as formas de alteridade.

     Na década dos noventa é nomeada directora da Comisión de Filosofía do Centro Nacional de Investigacións Científicasde París, cargo que compatibiliza coa docencia no Colexio Internacional de Filosofía de París e nas Universidades de Turín e Bolonia.

     Nos últimos años da un xiro no seu pensamento e gran parte das súas reflexións están dedicadas ácultura oriental. Esta nova etapa iníciase a partir da relectura de autores como Nietzsche, Heidegger e, sobre todo, despois de sufrir un accidente automovilístico a raíz do que se lle recomenda a práctica do ioga. Dita práctica suscita o seu interés e curiosidade por certos textos da India, nos que descubre unha forma de pensar moi diferente á occidental e moi próxima aos seus presupostos teóricos, xa que o pensamento oriental -como o seu propio pensamento- presenta unha maior preocupación pola realidade máis inmediata e pola identidade femenina, ademais de ser un pensamento máis encarnado e que mantén unha actitude máis respetuosa coa natureza e co cosmos en xeral. Esta nova fase tradúcese no seu libro Tra Oriente e Occidente.

       En canto a súa bibliografía convén salientar os seguintes escritos:

Irigaray, L., Le langage des déments. The Hague, Mouton, 1973.
Irigaray, L., Speculum de l´autre femme. Éditions de Minuit, París, 1974. Traduc. cast.: Baralides, A..,Speculum. Espéculo de la otra mujer. Saltés, Madrid, 1978.
Irigaray, L., Ce sexe qui n´en est pas un. París. Éditions de Minuit, París, 1977. Traduc. cast.: Tubert, S., Ese sexo que no es uno. Saltés, Madrid, 1982
Irigaray, L., Et l´une ne bouge pas sans l´autre. Éditions de Minuit, París, 1979.
Irigaray, L., Amante Marine. De Friedrich Nietzsche. Éditions de Minuit, París, 1980.
Irigaray, L., Le corps à corps avec le mère. Éditions de la Pleine Lune, París, 1981. Traduc. cast.: Bofil, M., Carvallo, A., El cuerpo a cuerpo con la madre. El otro género de la naturaleza. Otro modo de sentir. La Sal, Barcelona, 1985.
Irigaray, L., Passions elementaires. Éditions de Minuit. París, 1982.
Irigaray, L., La Croyance même. Éditions Galilée, París, 1983
Irigaray, L., L´Oubli de l´aire. Chez Martin Heidegger. Édition de Minuit, París, 1983.
Irigaray, L., Éthique de la différence sexuelle. Éditions de Minuit, París, 1984.
Irigaray, L., Parler n´est jamais neutre. Éditions de Minuit, París, 1985.
Irigaray, L., Sexes et parentés. Édition de Minuit, París, 1987. Traduc. it.: L. Muraro, Sessi e genealogie. La Tartaruga, 1989.
Irigaray, L., Le sexe linguistique, (collectif). Langages, nº 85, Éditions Larousse, 1989.
Irigaray, L., Le temps de la différence. Librairie Générale Française, París, 1990.
Irigaray, L., Sexes et genres à travers les langues: Éléments de communication sexuée. Grasset, París, 1990.
Irigaray, L., Je, tu, nous. Éditions Grasset, París, 1990. Traduc. cast.: Linares, P., Yo, tú, nosotras. Cátedra, Madrid, 1992.
Irigaray, L., J´aime à toi. Editions Grasset et Fasquelle, París, 1992. Traduc. cast.: Goldstein, V., Amo a tí. Bosquejo de una felicidad en la historia. Icaria, Barcelona, 1994.
Irigaray, L., Genres culturels et interculturels, (collectif). Langages, nº 111, Éditions Larousse, 1993.
Irigaray, L., La democrazia comincia a due. Éditions Bollati Boringhieri, Torino, 1994.
Irigaray, L., "La diferencia sexual como fundamento de la democracia" en Duoda. Revista d´Estudis feministes, nº 8, 1995.
Irigaray, L., Le souffle des femmes. ACGF, París, 1996.
Irigaray, L., Tra oriente e occidente: dalla singolarità alla comunità. Le Esche. Roma, 1997.
Irigaray, L., Progetto di formazione alla cittadinanza per ragazze e ragazzi, per donne e uomini / Luce Irigaray su incarico della Commissione per la realizzazione della parità fra uomo e donna della Regione Emilia-Romagna. 1997.
Irigaray, L., Être Deux. Éditions Grasset & Fasquelle, París, 1997. Traduc. cast.: Willson, P., Ser dos. Paidós, Buenos Aires, 1998.
Irigaray, L., La chiave per uma convivenza universale. Biblioteca di Casalmaggiore, 1999.
Irigaray, L., "Sostituire il desiderio per l´altro al bisogno di droghe". Animazione Sociale. Febbraio, 2000.
Irigaray, L., "La question de l´autre". Labrys, études féministes. Nº 1-2, juillet/décembre 2002.

 

1.3. Para leer a Luce Irigaray

      Antes de comenzar a expoñer o pensamento de Luce Irigaray é preciso facer unha serie de advertencias acerca da súa obra:

      1.- Os escritos da nosa autora teñen un forte carácter literario, evocador, imaxinativo, provocador, o que favorece lecturas e interpretacións moi diferentes da súa obra, desde a exaltación hasta o rechazo total.

      2.- Unha utilización peculiar da linguaxe, desde a perspectiva de "parler femme", polo que evoca máis que expón ou alude máis que explica pormenorizadamente. O resultado é unha gran ambigüidade, incrementada polos neoloxismos que crea a autora mediante a utilización de prefixos, infijos, sufixos ou polos xogos de linguaxe e palabras que favorecen a homofonía e a parafonía, moi elocuentes na lingua francesa, mais que en moitos casos son intraducibles a outras linguas. O carácter problemático do seu pensamento increméntase pola contemporeneidade da autora., o que a súa vez acrecenta a dificultade de reducir o seu pensamento a unha exposición sistemática e conceptual.

      3.- Que no seu pensamento podemos distinguir catro períodos. Un primeiro período deconstructivo, caracterizado pola crítica a unha cultura monosexuada e falogocéntrica, marcado fundamentalmente pola publicación de Speculum. De la otra mujer en 1974. Unha segunda etapa na que propón certas alternativas para a construcción dunha subxectividade femenina e da que o libro máis significativo quizais sexa Yo, tú, nosotras. Na terceira fase está empeñada na construcción dunha cultura de dous suxeitos respetuosos das súas diferencias, que sexa modelo para unha coexistencia da diversidade a nivel universal, como se pode observar en Ser Dos ou Amo a ti. A cuarta e última época está moi influenciada pola cultura oriental.
En calquera caso é necesario reparar en que a clasificación anterior non deixa de ser artificial, pois como afirma a propia autora toda a súa reflexión filosófica -desde a contida en Speculum hasta as súas últimas publicacións- está orientada a levar a cabo un labor deconstructivo dunha cultura patriarcal e a avanzar unha cultura da diferencia sexual. O carácter artificioso da clasificación amósase, sobre todo, na segunda e na terceira etapa, que en realidade é un continuum, en tanto que a primeira e a cuarta están máis diferenciadas.

2. Crítica dunha cultura monosexuada

      O pensamento occidental -di a autora- eríxese sobre un matricido orixinario, o asasinato da muller-nai narrado en La Orestíada, moito máis arcaico que o parricidio que Freud expón en Totem y Tabú como orixe da civilización. O resultado deste matricidio é que desde os albores da nosa civilización exclueuse á muller, negouse a diferencia, a alteridade, como queda ben patente no pensamento de Platón, fundador dunha economía binaria, dunha tradición logocentrica, ou mellor dito falogocéntrica e dunha cultura hom(m)osexual, non no sentido erótico do término senón no sentido de que o verdadeiro suxeito e protagonista desta tradición foi o suxeito masculino.

     A consolidación desta cultura monosexuada ten lugar alá polo século V a. c. coa aparición da filosofía e, particularmente, coa instauración do dualismo ontolóxico de Platón, creador da metafísica da identidade, é dicir, dunha metafísica que funciona producindo oposicións binarias e xerárquicas en virtude das que se nega ou se infravalora o real, o corpóreo, o continxente, en tanto que o que en principio é menos real, o mundo das ideas, do inmutable, do permanente e do necesario, pasa a ser o realmente existente. A consecuencia desta concepción platónica é o establecemento e valoración da lóxica da identidade ou binaria, lóxica que se fundamenta nunha serie de dicotomías: Verdadeiro/Falso, Bon/Malo, Blanco/Negro, Home/Muller, Cultura/Natureza, Intelecto/Corpo... Esta visión dicotómica da realidade conleva unha xerarquización das partes implicadas e unha priorización dos primeiros términos sobre os segundos. Conleva tamén a asociación do varón coa razón e coa cultura, en tanto que á muller se lle identifica coa natureza, co corpo, é dicir, cos termos menos valorados, polo que é considerada como xerarquicamente inferior. En palabras da psicoanalista feminista J. Flax a lóxica identitaria procede do seguinte xeito:

      "O real é inestable e está en fluxo perpetuo. A metafísica occidental crea unha falsa aparencia de unidade, reducindo o fluxo e a heteroxeneidade da experiencia a unhas oposicións binarias. O primeiro de cada un deles está destinado a dominar ao segundo, que acaba por ser definido como o "outro" do primeiro. O outro non ten un carácter independente ou autónomo, por exemplo, "muller" defínese como un home deficinte nos discursos de Aristóteles a Freud"[3].

2.1. Speculum

      Speculum. Espéculo de la otra mujer é probablemente a obra que mellor recolle o labor deconstructivo de Luce Irigaray. Previamente tiña publicado un voluminoso libro, La Langage des déments, no que estudia a linguaxe dos dementes seniles e no que non se manifesta todavía unha perspectiva feminista, aínda cando se avanzan teses que serán moi importantes para as súas investigacións feministas. En efecto, a confirmación nese estudio de que os síntomas de diversos tipos de enfermedades como a afasia, a neurose ou a psicose poden percibirse nas estructuras sintácticas dos dementes seniles, será moi útil para as súas investigacións psicolingüísticas posteriores, nas que concluirá que a configuración da identidade femenina ou masculina está moi condicionada pola posición do suxeito na linguaxe.

2.1.1. Acerca do título

     O título Speculum seguramente non é accidental. Segundo a propia autora: "No título Speculum, como no conxunto do libro, practiquei xogos de palabras, de sentidos, para facer aparecer outra verdade. Asi o speculum designa un instrumento de xinecoloxía, pero este término é empregado nunha época mais anterga da nosa cultura, para designar a expresión máis fiel posible da realidade. Speculum mundi, por exemplo, é un título que foi frecuente e no que eu pensei. Significa espello do mundo, non tanto como reflexo gracias a un espello, senón máis ben como pensamento da realidade ou da obxectividade do mundo a través do discurso. Por desgracia, este segundo sentido, o máis importante para o meu propósito, é o menos coñecido"[4].

     A parte dese propósito declarado explícitamente pola autora, probablemente haxa outras intencións máis equívocas. Neste sentido, no propio título, é relativamente fácil entresacar unha certa contestación ás teses lacanianas contidas no " Estadio do espello como formador da formación do eu", segundo o que a adquisición da identidade individual comenza coa experiencia do espello, esto é, a experiencia na que o neno ou a nena (de seis aos dazaoito meses) se ve por primeira vez no espello e só percibe outro ser humano co que se identifica. O espello que só devolve imaxes, precede á comparecencia do Pai e da Lei, representado polo Falo, que se manifesta por medio das palabras e rompe a unidade dual da nai e o fillo, facilitando que este se perciba como o non-todo, como un eu separado corporalmente da nai e do mundo, como un eu dividido. A orde imposta pola Lei do Pai, na terminoloxía lacaniana é denominada "Orde Simbólica" e en dita orde os "símbolos" son as "palabras", os "discursos" que se distinguen das "imaxes" e dos "signos" que pertenecen á fase preedípica, á "Orde Imaxinaria", fase que precede á do espello, na que non existe nin diferencia, nin ausencia, só unidade e completud.

     Para Lacan a disimetría entre os sexos nesa pasaxe da orde imaxinaria á orde simbólica ou da fase preedípica á fase edípica prodúcese a nivel simbólico: a nena non pode simbolizar o seu sexo porque no imaxinario só hai ausencia, en tanto que o simbolismo do falo é prevalente, polo que para a superación do Edipo tanto o neno como a nena han de identificarse co pai, co falo. O falo convírtese no significante da diferencia entre os sexos. Cada xénero constrúe a súa identidade segundo a súa relación co falo: os homes teñen falo -pola confusión ilusoria do órgano biolóxico , o pene, e o significante simbólico, o falo- e as mulleres son o falo, ao considerar as mulleres o seu sexo como ausencia do órgano masculino. As mulleres polo complexo de castración aceptan a súa condición de castradas simbólicamente, mais como estratexia de resistencia para conseguir o falo, tórnanse o falo, o obxecto de desexo do outro. Así a muller pode ser o falo -o obxecto de desexo do home- aínda que paradóxicamente carecen do falo.

     A contestación ás teses lacanianas atópanse non só dunha forma velada no título senón tamén no desenrolo posterior, mais a crítica a Lacan é particularmente dura no capítulo titulado "Misère de la psychanalyse" contido no seu libro Parler n´ est jamais neutre. En calquera caso en Speculum repróchalle á psicoanálise en xeral que reduza o desexo da nena ao do neno, que apele a un sexo separado do corpo, que reduza o corpo a unha máquina de producción de libido, que impoña o imperio dunha morfoloxía imaxinaria masculina, do falo, que non atenda ás continxencias históricas da orde simbólica e que convirta dita orde nunha endogamia cultural entre homes. En definitiva, reprocha a Freud e a Lacan que nos seus sistemas sexa impensable a subxectividade e a sexualidade femeninas desde unha posición de suxeito

A crítica implícita no título contrapoñendo speculum a espello, desenrolarase pormenorizadamente ao longo dos diversos capítulos do libro, facéndoa extensiva á Historia da Filosofía.

2.1.2. Acerca do subtítulo

      A traducción do subtítulo, De l´autre femme, orixinou numerosos malentendidos e en moitos casosalterou o sentido que lle quería dar a propia Luce Irigaray. A traducción en castelán, Espéculo de la otra mujer, non parece a máis axeitada para o obxectivo da autora, segundo a que a súa intención "na elección do título: Speculum. De l´autre femme, correspondía ao proxecto de constituír o mundo -non somente especular -do outro en canto muller"[5]. Polo tanto, non se debe traducir "De la otra mujer", pois non remite nin a unha relación empírica entre dous mulleres nin a unha relación xa constituída con "La otra mujer" xa que non existe ese xenérico femenino. Tratábase de resaltar que "l´autre" debe ser entendido como un sustantivo, que supostamente designa en francés -lingua na que non está marcado polo xénero- ao home e á muller. "De l´autre femme" quere subraiar que, de feito, "l´autre" non é neutro, nin gramatical nin semánticamente e que xa non é posible utilizar de maneira indistinta a mesma palabra para o masculino e o femenino, que non é posible seguir facendo ciencia, filosofía, relixión, política etc. sen preguntarse quen ou que representa ese outro, sen dar unha definición efectiva e real do outro e, en concreto "De l´autre femme", polo que a traducción máis axeitada sería Speculum del otro, mujer. Desta forma a autora pretendía poñer de manifesto queunha das tarefas da nosa época é construír positivamente a alteridade femenina.

2.1.3. Espello, Speculum, Especula(riza)r

      Un pouco máis arriba veíamos como a autora nos decía que para conseguir o seu obxectivo, esto é, "para facer aparecer outra verdade" practicaba diversos xogos de palabras e de sentidos. Eiquí interésannos resaltar os xogos de palabras que realiza cos términos "espello", "speculum" ou "especula(riza)r". Para elo é preciso distinguir o significado de cada un deles. "Espello" emprégase no sentido habitual de superficie brillante na que se reflexan imaxes. "Espéculo" como o instrumento xinecolóxico que sirve para explorar ás mulleres e como pensamento da realidade ou da obxectividade do mundo a través do discurso. Especula(riza)r é un neoloxísmo co que se quere significar non só a imaxe reflexada nun espello senón a necesidade subxacente á dialéctica racional de postular un suxeito que sexa capaz de reflexarse no seu propio ser. É dicir, o discurso filosófico preséntase como especulación, como reflexión sobre a condición do Ser do Home, mais o pensamento do filósofo depende da súa especularidade (autorreflexividade) e aquelo que sobrepasa ese círculo é impensable. Esta especularización, esta especulación narcisista é a que ten en conta Luce Irigaray cando argumenta que o discurso filosófico occidental é incapaz de explicar a feminidade/muller como algo que non sexa o lado negativo do seu propio reflexo. Nas súas propias palabras:

"A muller contribuirá a este desdoblamento especular devolvendo ao home a "súa" imaxe, repetíndoo como "mesmo". A intervención dunha imaxe "outra", dun espello "outro" significa sempre o risco dunha crise mortal. A muller, polo tanto, haberá de ser o mesmo (simplemente invertido) á vez que , en canto nai, permitirá a repetición do mesmo"[6].

     Xogando cos sentidos desas palabras a autora afirma que a muller na orde simbólica patriarcal funciona como un espello plano que devolve a autorreflexión do suxeito masculino e que garantiza a súa constitución como suxeito do discurso. A muller, a partir dese espello plano, só pode advenir como o outro invertido do suxeito masculino, ou como falla, porque o seu sexo non é especula(riza)ble . Sen embargo, afirma Luce Irigaray, si en vez do espello se empregara o espéculo, o espello cóncavo, que perturba a montaxe de representación segundo os cánones masculinos, para ver realmente as mulleres se observaría que esto non é realmente así e que a muller non é simplemente un alter-ego invertido ou negativo, que a muller non é simplemente o outro do home, senón que é outro que ten unha subxectividade propia.

      O libro, Speculum, está dividido en tres partes, mais a división non obedece a criterios cronolóxicos ou temáticos senón a que a autora "xoga" tamén coa "estructura lóxica" da obra, na que non hai propiamente nin un arjé nin un télos. Comenza con Freud e remata con Platón, mais o seu fin no é tomar a historia ao revés, pois nos textos intercalados entre os dous extremos non hai inversión. Do que se trata é de "desconcertar a montaxe da representación segundo parámetros exclusivamente masculinos... non trata de invertirse -posto que esto nos levaría finalmente ao mesmo- senón de desordenar, de alterar, a partir dun "fóra" que se sustrae, en parte, a súa lei"[7]. É dicir "para facer aparecer a outra verdade" aplica unha lóxica diferente da que impón a coherencia discursiva, unha lóxica basada nunha economía de intercambio e non nunha economía de subordinación. Esta lóxica implica outra relación coa unidade, coa verdade, coa alteridade, coa temporalidade etc.. Require, ademais, atravesar os procesos de especula(riza)ción que reducen ao "outro", á muller, ao complemeto ou suplemento do suxeito masculino e introducir un modelo de especula(riza)ción que permita a relación da muller consigo mesma e coas súas semellantes.

     A primeira parte titulada, "O ponto oscuro dun vello soño de simetría" consiste nunha lectura crítica da obra de Freud, particularmente daqueles escritos que fan referencia á feminidade e ao desenrolo psicosexual da muller. Para entender o seu exame crítico hai que ter en conta, por unha banda, que non se opón tanto á psicoanálise como á lectura misóxina que fai Freud ou Lacan da subxectividade femenina e, por outra banda, que a autora na súa exposición emprega unha postura moi derrideana, consistente en facer aflorar outros sentidos do texto a partir do emprego da mímese. O mimetismo, isto é, o rol de imitación asignado por excelencia ás mulleres na cultura patriarcal, é empregado por Luce Irigaray cunha intencionalidade ben diferente á outorgada ao seu sexo, pois o que pretende é "redoblar o que sexa, a quen sexa, receber todas as improntas, sen apropiárselas e sen agregar nada a elas. É dicir, non ser nada máis que a posibilidade para que o filósofo reflexione[8]. Tal como a xora platónica, pero tamén como espello do suxeito"[9]. En concreto o procedemento empregado por Luce Irigaray consiste en deixar falar ao autor por sí só nunha longa sucesión de citas, habilmente manipuladas, de modo que por si mesmas resalten o carácter falocéntrico de autor que, en ocasións, é ademais salientado pola comentarista.

     O primeiro capítulo comenza coas palabras de Freud referentes ao "enigma da feminidade", ao carácter misterioso, inescrutable e irrepensentable da subxectividade femenina. Mais a pesar de considerar incomprensible a sexualidade da muller, Freud non renuncia a describila e a descifrala -como se encarga de facernos ver Luce Irigaray- desde o ponto de vista da tradición falocrática, fundamentándose na lóxica binaria, definindo a diferencia sexual en función do a priori do Mesmo (Varón), recurrindo aos procedementos propios da economía patriarcal como á analoxía, ácomparación, á simetría, ás oposicións dicotómicas e xerárquicas en razón ás que coclúe que "a diferencia sexual acaba resolvéndose no estar de máis ou de menos dun único sexo: o pene. Co que o "outro" do sexual vese reducido a non tenelo"[10].

      Freud fundamentándose no método da analoxía e "seguindo un vello soño de simetría" interpreta a subxectividade femenina cos mesmos conceptos e categorías psicoanalíticas coas que analiza a sexualidade masculina, polo que define á muller como simple envés ou incluso reverso dunha sexualidade masculina. Así "a nena (non) é (máis que) un rapaciño"[11], "a nena nunca ha(berá) existido"[12], é un rapaz co pene máis pequeno e todas as etapas que a nena ha de pasar: envexa do pene,renuncia ao placer clitorideano, desexo dun fillo-pene do pai, complexo edípico etc. para chegar a ser unha muller normal son unha copia negativa dos procesos masculinos. Os conceptos psicoanalíticos de "envexa", "complexo de castración", "falla", "celos"... non son máis que unha nova manifestación da lóxica identitaria, da necesidade que ten o sistema falocéntrico de sosterse na muller para reforzar o narcisismomasculino e de impoñer o desexo do varón. Son tamén -segue afirmando Luce Irigaray- unhamanifestación da incapacidade de Freud para recoñecer unha sexualidade especificamente femenina, pois "a existencia dun non-sexo, dun sexo "castrado" ou a "envexa do pene" non constitúen en modo algún unha heteroxeneidade sexual, senón a representación dun tipo de negatividade que sostén e confirma a homoxeneidade do desexo masculino"[13].

     A autora conclúe a primeira parte afirmando que a psicoanálise, como gran parte da nosa tradición, está presidida pola lóxica especular, xa que parte da preeminencia do falo. O falo é o todo, o cheo, a actividade, en tanto que a vaxina é a nada, o vacío, a pasividade. Mais si a psicoanálise recoñecera a posibilidade da diferencia sexual, si se mirara a muller non como o outro do home, non como o reflexo do home, senón como o outro do outro, quizais Freud poidera entender que o autoerotismo da muller é moi diferente do autoerotismo do varón, que o goce e a sexualidade femenina se rixen por uns parámetros diferentes aos masculinos, que ten outra linguaxe, outra expresión, outra manifestación.

     A falla desos parámetros é o que induce a Freud e ao discurso patriarcal a situar á muller fóra da representación, xa que l´autre femme, a muller vista desde o speculum e non desde o espello non existe, é invisible, é o "enigma", o "continente oscuro". A lóxica falocéntrica só pode aceptar á muller como un home castrado. Para a muller "a castración consistiría en non ter nada que ofrecer á vista, en non ter nada. En non ter nada de pene, en ver que (non) ten nada. Nada que sexa o mesmo que ten o home. Logo nada de sexo que se ofrezca nunha forma susceptible de fundamentar a súa realidade, de reproducir a súa verdade. Non ter nada que se vexa equivale a non ter nada. Ningún ser, ningunha verdade"[14]. Deste forma, despoxada da capacidade da súa autorrepresentación, a muller queda atrapada nun discurso que nega a especificidade da súa subxectividade femenina e que a presenta como vacío, revés, negativo do falo, quedando así "hommosexualizada,. Perversamente tra(ns)vestizada para satisfacción pederástica ou sodomizante do pai-marido"[15]

     En calquera caso hai que deixar claro que o problema non estriba tanto na especularización, que incluso a especularización do outro podería ser desexable. O problema é que non sexa recíproca, que non teña luga á marxe do esquema modelo/copia .

2.2. Crítica a Filosofía

        2.2.1. "Espéculo"

      A segunda parte do libro, "Espéculo", é a que da título ao volume. Toda ela está adicada a facer unha análise deconstructiva da filosofía occidental e, en concreto, dos sistemas de pensamento de Platón, Aristóteles, Plotino, Descartes, Kant e Hegel. Examina pormenorizadamente a cada un deles, resaltando o carácter androcéntrico -cando non misóxino- das súas filosofías. Da lectura de cada un deses capítulos derívase con claridade que todos eles se basan nunha lóxica binaria e polarizada, en virtude da que se pretende presentar un suxeito único e unificado, empeñado en negar a alteridade e que reduce ao "outro" a un espello que ha de devolver ao home a súa imaxe -aínda que invertida- para que non perigue a coherencia do seu estatuto narcisista.

      O procedemento deconstructivo que segue a autora á hora de analizar a esos grandes filósofos é o de "derrocamiento", consistente en "derrocar algo exterior a un mesmo e xa constituído como tal. En términos freudianos, podería decirse que se trata máis ou menos dun asasinato do pai. "Polo que a mín respecta, eu me derroquei máis ben a mí mesma... Operei un derrocamento da feminidade que me era imposta para intentar definir o femenino correpondente ao meu xénero: o en-si para-si da miña natureza femenina... A diferencia da maioría das mulleres... non quixen falar do outro: muller como o outro-muller de/para o home, do outro-muller nun horizonte masculino e patriarcal da nosa cultura... Quixen comenzar a definir que é a muller"[16].

      En concreto, o método de "derrocamiento" que emprega a autora -como vimos na primeira parte- é a mímese e a ironía, así que os autores en gran parte falan por si mesmos, xusto coas súas palabras, mais a autora moi habilmente trastoca o sentido primitivo do texto cunhas acertadas explicacións. Así no capítulo de Aristóteles obsérvase como seguindo ese recurso da mímese, seleccionando unhas citas do autor e facendo uns oportunos comentarios, o Estagirita reduce á muller a "materia", "receptáculo", "recipiente", ou a un home mutilado. Particularmente irónico resulta o capítulo adicado a Plotino, no que Luce Irigaray só expón unha serie de fragmentos tirados das Eneadas mais non fai ningún comentario, simplemente limítase a poñer pontos suspensivos, resultando moi elocuente que a caracterización que fai Plotino da materia como non ser, condena ás mulleres ao mutismo, prívaas da palabra. Prosigue o seu tono incisivo con Descartes, coa concepción cartesiana do suxeito, dese suxeito racional e solipsista, construído a expensas do corpo da muller e das raíces corpóreas do propio eu, que é capaz de dudar da evidencia do seu propio corpo, mais o carácter satírico increméntase ao falar da capacidade de enxendramento de todo o universo que lle outorga Descartes a ese suxeito masculino. De novo revélase a ironía sarcástica da autora no capítulo adicado a Kant, do que a autora subraia a cancelación da materialidade e da inmediatez da relación coa nai para elaborar un suxeito trascendental. E, por último, con Hegel para o que o femenino se presenta como a eterna ironía da comunidade -dos homes- a condición de que ela non pretenda ser o seu igual.

NOTAS

1.- Irigaray, L., Yo, tu, nosotras. Cátedra, Madrid, 1992, p. 8.
2.-O artículo toma o título do Manifesto Más mujeres que hombres publicado pola Librería de Mulleres de Milán, grupo ao que pertenece Luisa Muraro.
3.- Flax, J., Psicoanálisis y feminisno. Pensamientos fragmentarios. Cátedra, Madrid, 1995, p. 99.
4.- Irigaray, L., Amo a ti. Bosquejo de una felicidad en la historia. Icaria, Barcelona, 1994, pp. 91-92.
5.- Irigaray, L., Amo a ti, opus cit., p. 93.
6.- Irigaray, L., Speculum, pp. 57-58.
7.- Irigaray, L., Ese sexo que no es uno. Saltés, Madrid, 1982, p. 67
8.- En francés "réflechir" significa reflexionar e reflexar.
9.- Irigaray, L., Ese sexo que no es uno, p. 143.
10.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer. Saltés, Madrid, 1978, p. 55.
11.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer, p. 24.
12.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer, p. 51.
13.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer, p. 67.
14.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer. P. 50.
15.- Irigaray, L., Speculum. Espéculo de la otra mujer, p. 157.
16.- Irigaray, L., Amo a ti, p.p. 98-99.

Volver a la Página Principal